_

Obras xurdidas da interacción entre o debuxo, o artista e o público

2021

A Fundación Luis Seoane acolle un proxecto expositivo do investigador Marco Moreira

A mostra pode visitarse na Coruña ata o 2 de novembro

Os “conceptos do interactivo e a interactividade nas obras de arte” constitúen o eixo da investigación que o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marco Moreira desenvolve para a súa tese de doutoramento e son tamén á base de Untiled/Con título, o proxecto que nestes días expón na Fundación Luis Seoane da Coruña. Este proxecto expositivo, que poderá visitarse ata o 2 de novembro, xira en torno á práctica e ás ferramentas do debuxo e complétase cuns talleres nos que este artista e investigador propón ás persoas participantes o desenvolvemento de “mecanismos que permitan unha relación interactiva co debuxo”.

“Todo o proxecto desenvólvese nunha relación extremadamente interactiva entre as miñas opcións persoais e as formas completamente incontrolables que os outros achegan aos meus traballos”, salienta Moreira deste proxecto expositivo, que se clausurará o martes 2 de novembro unha conversa coa participación do artista, crítico e comisario Manuel Olveira. Untlited/Con título é unha exposición impulsada polo Laboratorio Seoane, dirixido, como apunta Moreira, a levar a esta fundación “proxectos que non están tan vinculados co universo de Luis Seoane pero que certamente comparten con este artista o mesmo espírito de investigación”, o que permitiu a este estudante de doutoramento “pór en práctica determinadas ideas que ata o momento non saíran do caixón”.

Catro conxuntos de obras

O título desta exposición ten como punto de partida a “apropiación” que Moreira fai nun dos conxuntos de obras que presenta “da forma dunha obra do artista norteamericano Fred Sandback”. Trátase en concreto da súa peza Untitled 1968/1983, “un conxunto de catro cubos incompletos realizados en aceiro”, a partires dos que Moreira crea un segundo conxunto, neste caso empregando como material lapis de grafito, ao que deu o nome de Con título 2021, combinando deste xeito ambos no título da exposición. Así mesmo, outra das pezas desta mostra é un conxunto de 18 debuxos nos que está gravada a conversa que mantivo por correo electrónico cunha curadora do Glenstone Contemporary Art Museum de Washington, que promoveu “unha grande exposición” de Sandback, arredor desa peza do artista. Por outra banda, Moreira presenta nesta mostra un conxunto de cinco debuxos “que fan xogo cos títulos das dúas pezas”, cos que da forma ao que semella un “patrón de papel de parede”, pero que en realidade responde á propia xeometría do chan do seu estudo.

Moreira tamén presenta na Fundación Luís Seoane unha “máquina de debuxar” que realizou en 2018 na residencia artística que levou a cabo na Bienal de Coruche, en Portugal, onde transformou a súa mesa de traballo nunha estrutura con forma de cubo que permitía ás persoas realizar debuxos e que se presenta cunha serie de portas que, ao abrirse, permiten escoitar o son da propia produción da máquina no taller. “A idea é que os visitantes relaciónanse coa máquina e interactúen entre eles”, salienta o artista e investigador.

 

Pontevedra, 27 de outubro de 2021

Eduardo Muñiz

 

Eduardo Muñiz “Obras xurdidas da interacción entre o debuxo, o artista e o público“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Disponível em: https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/obras-xurdidas-interaccion-debuxo-artista-publico?fbclid=IwAR13UDLW94QeytM7N5CmPLXpf4o6BmeZw6DOT8J2Z81chPUUaQLYQj89q3Q Acesso em: outubro 2021

_




Creative Commons License This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.
Marco Moreira

Privacy Preference Center

eXTReMe Tracker