_

Unha exposición para explorar os límites do debuxo

2019

O alumno de Belas Artes Marco Moreira protagoniza unha mostra na Sala Normal da UDC

Reúne unha serie de obras vinculadas á investigación que desenvolve para a súa tese

O alumno de doutoramento de Belas Artes Marco Moreira protagoniza unha exposición na Sala Normal da UDC

Círculos de lapis que á súa vez debuxan outros círculos nunha parede ou pezas que emulan a xogos infantís nas que unha bola de grafito vai deixando un rastro sobre o papel cando o público as manipula. Estas son dúas das propostas que o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes reúne en Maquinando o debuxo, a exposición que nestes meses protagoniza na Sala Normal da Universidade da Coruña. Na que é a súa primeira exposición individual en Galicia, este artista e investigador, natural da vila portuguesa de Favaios, reúne unha serie de once obras realizadas entre 2012 e 2018 e que teñen como punto de partida a súa investigación sobre os métodos de produción inherentes ao desenvolvemento da actividade artística, que centra na práctica do debuxo co propósito de explorar os límites entre o bidimensional e o tridimensional e de establecer unha relación entre o artista, a obra e o público.

Once pezas, de diferentes dimensións, que teñen en moitos casos como punto de partida obxectos cotiás e ferramentas de traballo, integran unha exposición que, como explica Moreira, ten como punto de partida o seu interese polas cuestións que aborda para a súa tese de doutoramento, “principalmente, pensar a obra como unha relación interactiva e non soamente como un obxecto para ser observado”. Nese senso, entre os proxectos que achega a esta exposición, que busca nese senso levar ao visitante a experimentar, táctil ou visualmente, coa acción de debuxar, atópanse tanto obras “máis representativas do proceso”, como outra serie de pezas “que se poden tocar e manipular, alterando a súa forma ou permitindo xogar con elas”, explica.

Exposición, talleres e catálogo

Aínda que todas as pezas, sinala Moreira, xa se presentaron previamente en exposicións colectivas, Maquinando o debuxo é a primeira mostra que presenta en Galicia o traballo deste investigador e artista. “Persoalmente é unha exposición bastante importante para min, que vai permitir dar a coñecer mellor o meu traballo á comunidade”, salienta respecto da mostra que pode contemplarse desde setembro neste espazo de intervención cultural da UDC. A exposición complétase así mesmo coa edición dun catálogo, que será presentado o vindeiro mércores 23, así como coa organización, neste mes de outubro, de dous talleres sobre estratexias e prácticas de debuxo no que, apunta, “vanse propoñer algúns exercicios para pensar o debuxo na contemporaneidade”.

 

Pontevedra, 10 de Octubre de 2019

Eduardo Muñiz

 

Eduardo Muñiz “Unha exposición para explorar os límites do debuxo“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Disponível em: https://www.uvigo.gal/en/universidade/comunicacion/duvi/maquina-debuxar-implicar-cidadania-creacion-artistica?fbclid=IwAR3aV9XxpiMvN_XkqHe6x9qhCgg0FXv6bOW8jlghBF7Bm3mowq5Ehf0_aZ4 Acesso em: Octubre 2019

_




Creative Commons License This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.

Privacy Preference Center

eXTReMe Tracker